Entre as cousas postas en marcha estes días, ou collendo corpo, que atopamos na Rede galega cómpre salientar A vaquiña polo que vale, unha nova páxina web que, malia estar aínda en desenvolvemento (en beta), ofrece unha serie de elementos máis que interesantes, entre os que se conta a posibilidade de ser máis listos que os políticos, cousa, por outra banda, nada difícil. Leas aparte, a idea é achegarnos unha ferramenta de autodefensa electoral, un dicionario de cifras para contribuír ao entendemento cidadán dun dos grandes misterios que quedan por resolver: as contas de quen sae nos medios de información.
Contas que se refiren a múltiples cousas: o que aforramos cun recorte, o que vai custar un edificio ou unha estrada, as visitas a un inmoble senlleiro, o que gaña un mileurista. Para entendelas, porque a cousa está difícil, ofrécesenos dende a devandita web unha serie de elementos de comparación. “A nosa ferramenta”, informan os creadores da web, “está xa ao servizo da xente para que poda comparar o dato que queira resolver con moitos outros”. Neste intre, estes elementos de referencia son preto dun centenar, pero os creadores da páxina xa están a solicitar a axuda dos internautas para facer que o proxecto medre.
A vaquiña polo que vale: web para entendermos as contas dos empresarios e dos políticos
Compartir Este Artigo
