Finalmente xa hai premios no certame-desafío Brains Laboratory 3.0 que convocaron Nokia e a Universidade de Zaragoza co obxectivo de procurar a aplicación que máis e mellor marque as diferenzas. Ou sexa, aquela que xunte no seu seo as maiores cotas de diversión e que á vez sexa algo novo, ou polo menos que o pareza. O xogo gañador desta nova edición do concurso, que este ano semella que bateu records de participación (máis de 500 estudantes) foi Hexagon, unha ferramenta creada polo grupo San Jimes formado polos mozos Ana Sánchez, Héctor Escalada e Isabel Jiménez, todos estudantes de Deseño Industrial do Centro Politécnico Superior de Zaragoza.
Segundo se nos conta, Hexagon é un xogo que pon a proba a habilidade de cada usuario ao poñelo nunha situación de enfrontamento non moi habitual neste tipo de propostas: a de medirse cun corpo xeométrico. Máis polo miúdo, un hexágono. Iso si, o obxectivo, nun escenario onde a devandita peza se converte no centro de gravidade que atrae as pezas da contorna, é o de costume: conseguir a vitoria. Isto farase a través dun traballo de agrupamento de pezas dunha mesma cor, co fin de eliminar o hexágono. Amais do grupo San Jimes, foron finalistas os grupos Aldaju Studios, Dream Designers e Entre Pitos e Flautas. Pódese ver toda a información relativa ao evento no sitio en Facebook.
O xogo Hexagon foi o vencedor do certame Brains de Nokia
Compartir Este Artigo
