A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que dende a súa creación traballa a reo por informar, asesorar e dar apoio ás empresas do país que o precisan, está a organizar unha peculiar Feira do Coñecemento, que ten como obxectivo darlle pulo ao crecemento e á competitividade das empresas participantes, e que terá lugar mañá mércores, 23 de novembro.
Os seus organizadores teñen a intención de poñer ás empresas participantes en contacto cos centros tecnolóxicos do país para que estes os asesoren en materia de innovación e emprendemento, e quen mellor para facelo que os centros máis punteiros do momento?
A Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (ENERGYLAB) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) son os centros punteiros en innovación en Galicia, e tamén os convidados a achegar a súa visión particular do camiño a seguir para que unha empresa sexa máis competitiva e sostible.
Da man dos seus mellores expertos, estes centros tecnolóxicos do país achegarán información de utilidade para que as empresas participantes se saiban guiar á hora de contratar servizos tecnolóxicos á súa medida, como vixilancia, xestión da innovación, soporte técnico, eficiencia enerxética, mobilidade, sustentabilidade, almacenamento de datos…
As firmas participantes poderán así coñecer, entre outras cousas, o tipo de proxectos de innovación que serían aplicables á súa empresa, como xestionar ditos proxectos, ou as axudas, produtos e servizos que teñen á súa disposición para levalos a cabo.
A xornada, que é de balde previa inscrición na web da Cámara, dará comezo a partir das 16:00 horas e segundo recolle o programa do evento, cada intervención terá unha duración de 20 minutos, podendo alongarse ata as 19:00 horas.
Catro centros tecnolóxicos galegos participan mañá na Feira do Coñecemento en Compostela
Compartir Este Artigo

