De aquí a vinte anos, aló polo 2030, os españois poderiamos reducir a nosa demanda enerxética ata nun 40%, sempre e cando botemos man das tecnoloxías e executemos correctamente as políticas que dan soporte á súa aplicación.
Así se resume en poucas palabras o contido do informe Potencial económico de redución da demanda de enerxía en España (documento en formato PDF), presentado esta mesma mañá en Madrid polo centro de investigación Economics for Energy.
Trátase do segundo informe anual achegado pola entidade, que na súa edición de 2010 concluía que “equiparar a intensidade enerxética española á media da UE dos 15 suporía un aforro de entre o 1,5 e o 3,5 do PIB estatal”, en función do prezo do barril de petróleo.
Xa que logo, e sempre segundo este documento, as políticas de aforro e eficiencia enerxética serán prioritarias na procura de maior seguridade enerxética, menos emisións e máis aforro económico.
Só desta maneira poderemos acadar que os resultados que se rexistren no 2030 sexan equitativos aos do 2010, o que suporía unha redución dun 26% respecto á demanda previsible en ausencia do cambio tecnolóxico.
Deste xeito, a aposta polas tecnoloxías máis eficientes significaría non só unha redución adicional significativa sobre o escenario que se agarda para dentro de 20 anos, senón que poderiamos acadar aforros moi superiores.
O escenario tecnolóxico que se agarda para entón apunta ás tecnoloxías “con maior potencial de evolución”, é dicir, as de eliminación eficiente, os vehículos híbridos ou eléctricos… Neste senso, os autores da investigación aseguran que “será fundamental que a evolución tecnolóxica se materialice e se abarate o seu custe”, “para o que pode resultar esencial un esforzo adicional en I+D”, auguran.
As melloras tecnolóxicas contribuirán a reducir a demanda española de enerxía ata nun 40%
Compartir Este Artigo

