Se algo malo ten este noso país, é que unha vez que poñemos o pé fora del, invádenos un profundo sentimento de nostalxia e de morriña que nos “obriga” a estar en permanente contacto con el, cousa que agora é bastante máis doada grazas á existencia de Internet e as novas tecnoloxías.
Mostra deste sentimento de raizame estendido no exterior é a web Galiciaberta.com, dependente da Secretaría Xeral da Emigración, que ao longo do 2011 recibiu un total de 242.194 visitas, é dicir, unha media mensual de 20.183 e diaria de preto de 664 visitas.
Esta cifra tan só é un 0,03% máis elevada que a rexistrada en 2010, ano no que se rexistraron 242.271 visitas, porén houbo un aumento considerable (do 9,81%) dos usuarios únicos, é dicir, aqueles que non realizan máis ca unha visita nunha mesma xornada.
Deste xeito, ao longo do 2011, 2011 rexistráronse 155.816 usuarios únicos (o que supón 12.932 mensuais ou 425 diarios), fronte aos 141.959 de 2010, ou os 115.311 de 2009.
Por outra banda, segundo indican dende a Xunta, practicamente mantívose o número de visitas recibidas nas distintas páxinas dentro de www.galiciaberta.com, de maneira que mentres en 2009 eran 898.293 as veces que algunha páxina do portal era visitada, en 2010 aumentaban ata 934.010, “cifra que case se acada no 2011 con 925.056 visitas totais” aseguran; “Isto supón 77.088 páxinas vistas por mes, 2.534 diarias”, engaden.
O tempo de permanencia no sitio tamén se consolidou ao longo de 2011, cunha media de visita entre tódolos usuarios de 3 minutos e 35 segundos, cifra moi similar á de 2010.
No tocante á procedencia por países dos visitantes, máis da metade das visitas proceden de España (52’7%), seguido de Arxentina (20’6%), Uruguai (6’6%), Venezuela (2’9%), Brasil (2’7%), Estados Unidos (2%), México (1’5%), e Suíza (1’5%), os mesmos países que encabezaban a listaxe do pasado 2010 e tamén os que rexistran máis emigrantes galegos.
Con estes datos sobre a mesa, a web dependente de Emigración demostra unha vez máis a utilidade do seu funcionamento e o cumprimento dos obxectivos para o que foi creada, pois segundo afirman os seus responsables, “amosa a importante necesidade de información on line que demanda a diáspora, e serve de canle inmediata de difusión das medidas do departamento que dirixe Santiago Camba”.
Da mesma maneira, cabe salientar que, desde o momento da súa creación o 14 de outubro de 2010, o perfil do portal GaliciaAberta.com en Facebook e Twitter “medrou de maneira exponencial”, ata acadar os 2.902 seguidores no primeiro caso (cun incremento do 134%), e 734 no segundo (cunha suba do 159%).
A presenza deste organismo público nas dúas principais redes sociais da Internet permitiu que os galegos da diáspora puideran acceder á información de interese comodamente dende os seus móbiles e dispositivos portátiles.
Galiciaaberta.com incrementou nun 10% os usuarios únicos do 2011
Compartir Este Artigo

