Norton, a empresa de seguridade informática, vén de presentar en España un informe coa relación das cidades máis perigosas de Europa. Dáse a casualidade de que non se trata das urbes con máis seareiros das cousas alleas senón as que máis perigo potencial amosan de acubillar ataques en liña. A investigación, feita pola empresa Sperling´s BestPlaces (identificando as cidades co maior número de factores de risco sobre os ciberdelitos), empraza a Barcelona no posto nove da listaxe, unha clasificación encabezada por Manchester, que é a urbe con máis incidencias en conexións Wi-Fi e tentativas de malware, segundo se informa.
Para quen queira afondar un pouco nas razóns deste estado de cousas, dicirlle que as urbes con maior número de factores de risco non necesariamente están relacionadas con altos niveis de infección. Segundo avanza Norton, isto reflicte o feito de que hai unha chea de consumidores tomando precaucións para estar seguros fronte a un ciberataque. O estudo tamén amosa a clasificación per cápita do comportamento dos internautas, dende o uso do PC e teléfonos intelixentes ata as redes sociais, así como o acceso ás redes Wi-Fi non protexidas, entre outros. Volvendo ao caso de Barcelona, dicir que ocupa o posto nove coa taxa máis baixa de fogares con ordenadores persoais, unha porcentaxe baixa de cibercrime e un reducido emprego das redes sociais fronte a outras cidades.
A continuación damos conta da listaxe por enteiro:
No 1. Manchester, Reino Unido
No 2. Amsterdam, Países Baixos
No 3. Estocolmo, Suecia
No 4. París, Francia
No 5. Londres, Reino Unido
No 6. Dublín, Irlanda
No 7. Milán, Italia
No 8. Roma, Italia
No 9. Barcelona, España
No 10.Berlín, Alemaña
Barcelona, na listaxe das cidades europeas con maior risco fronte a ciberdelitos
Compartir Este Artigo
