Nestes tempos que vivimos calquera que ande por aí cun aparello con conexión a Internet xa saberá a estas alturas que a oferta Wi-Fi medra con cada minuto que pasa. Ou sexa, que nos petan no aparello os puntos de acceso dende tódalas frontes, esteamos na rúa, nun establecemento público, nunha cafetería ou mesmo no domicilio propio, cos accesos sen fíos dos veciños tocándonos na porta. A enleada está servida, sobre todo de cara á seguridade. De aí que entidades como o Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) queira pór un pouco de orde. E faino co Estudo sobre a seguridade das redes Wi-Fi nos fogares españois, unha investigación que vén da man do seu Observatorio da Seguridade da Información e que achega, entre outros datos de valor, a seguinte porcentaxe: 8 de cada 10 usuarios españois se conecta a Internet a través dunha rede sen fíos Wi-Fi.
Isto significa que o uso destas conexións xeneralízase nos fogares, pero tamén pon de manifesto importantes eivas de seguridade. No estudo, igualmente, sinálase que o 12% dos usuarios se conecta a Internet a través do acceso de outro particular e que a cuarta parte dos enquisados faino decote nunha rede pública, feitos que incrementan a posibilidade de que o tráfico sexa interceptado ou descifrado. “Cómpre salientar neste senso”, incídese, “que un 44,8% dos que se conectan a redes de terceiros fano sempre que o precisan: en calquera lugar, estea ou non estea protexida esa rede e para realizar calquera tipo de servizo en liña, incluíndo intercambio de datos persoais, operacións económicas, etc”. A xuízo de INTECO, isto supón un mal hábito de seguridade se se emprega a rede para asuntos que impliquen o emprego de información confidencial, conversas, correos electrónicos, contrasinais e calquera tráfico non cifrado. Conclusión: para operacións delicadas na Rede, mellor facelo dende a conexión propia debidamente protexida cun contrasinal “robusto ligado a un bo protocolo de cifrado”. Neste senso o Observatorio detecta, porén, unha evolución positiva: os usuarios do Estado español foron quen de mellorar a súa seguridade sen fíos abandonando estándares pouco seguros como o protocolo WEP e adoptando en meirande medida os sistemas de cifrado WPA ou WPA2.
Medra a taxa de xente que se conecta a Wi-Fi alleo e baixa a da seguridade dos datos
Compartir Este Artigo
