NCG Banco ten novidades no eido dixital, unha boa parte delas achegadas ao abeiro de EVO, a nova entidade xurdida da compañía galega para operar no territorio español, cun sistema propio multicanle de atención ao cliente e 120 sucursais en 69 cidades estatais de tódalas comunidades autónomas agás a nosa, Asturias e León, onde se manterá a marca Novagalicia. EVO, que operará “mantendo múltiples canles de comunicación co cliente” (oficinas, internet, teléfono, etc), conta xa con páxina de seu, evobanco.com, web que se por algo salienta é polo deseño aplicado ao servizo da claridade de funcións e contidos.
En certa medida, non é casual que así sexa, xa que a transparencia é, segundo informa NCG Banco, un dos piares da nova proposta bancaria, que vén da man de José María Castellano e César González-Bueno, presidente e conselleiro delegado de NCG Banco, respectivamente. O seu obxectivo: achegarlle un pulo de innovación ao modelo de espallamento das caixas galegas fóra do seu territorio de orixe. O traballo no plano dixital complétase cun “potente despregue de banca electrónica que inclúe, amais da devandita páxina, un espazo en Twitter (@evobanco), e máis en Facebook (facebook/evobanco)”. Por certo que á fronte do proxecto EVO está un profesional con 16 anos de experiencia en banca, José Luís Abelleira (Ourense, 1967) ex xogador profesional de baloncesto e experto en marketing, atención e desenvolvemento de negocio. Abelleira é o responsable da posta en marcha de EVO, informa NCG Banco.
NCG Banco reforza a vertente dixital da súa nova banca extra-galega: EVO
Compartir Este Artigo
