O Master en Investigación en Comunicación do campus pontevedrés acolle estes días un convidado de excepción: o profesor e catedrático Josep Mª Casasús, encargado de formar aos participantes da devandita actividade formativa nos camiños percorridos polo xornalismo escrito e nos retos, dificultades e posibles vantaxes que impón o dixital. Ao seu xuízo, a comunicación como a que coñecimos atópase nunha encrucillada, en certos termos semellante á do clima. Así, de non facer nada agora realmente salientable, as consecuencias no futuro serán negativas. No plano do xornalismo, sinalou, ou se deixan de lado as visións xeralistas, ou a prensa, tanto a escrita como a dixital, non vai poder sobrevivir. O profesor Casasús co alumnado do Máster en Investigación en Comunicación nunha imaxe achegada pola Universidade de VigoA clave, sinalou, pasa por especializármonos nos contidos: “O modelo actual baseado en grandes tiradas e con moitas páxinas cheas de publicidade está condenado a desaparecer”, comentou. Na súa opinión, o inimigo non son os medios dixitais, xa que noutras épocas déronse cambios semellantes, por exemplo coa chegada da radio e a televisión, e unhas e outras plataformas conseguiron atopar o seu escenario de convivencia. O inimigo sería pois a falta de visión e certa tendencia a ficar ancorados en métodos de traballo que xa non teñen cabida. O medio impreso, dixo, terá futuro se reorienta a súa estratexia cara a unha segmentación da audiencia co deseño de contidos para un público específico. Hai información de máis e pouco criterio. Cómpre que nos centremos en cuestións reducidas e apostar pola calidade, sen aspirar a chegar a grandes audiencias, entre outras cousas porque a época das grandes audiencias xa rematou, dixo. Esta reorientación, engadiu, tamén é fundamental para a prensa en liña, e todo malia a súa relativa xuventude, dúas décadas de vida. A xuízo de Casasús, boa parte do que fai nas redes dende o punto de vista xornalístico é unha copia dos modelos tradicionais. A cuestión é acadar máis independencia e linguaxe de seu, e máis se temos en conta que a prensa en liña está abocada a atopar os mesmos atrancos para manterse dende o punto de vista económico. Para Casasús o futuro máis inmediato estará formado por grandes grupos “que teñan moitas cabeceiras en distintos medios pero de pouca difusión con contidos contrastados e de calidade”, informa.