
A primeira sección, a biografía, é precisamente un achegamento ao percorrido vital do empresario e poeta homenaxeado este 17 de maio, facéndose especial referencia á súa condición de home de letras e emprendedor e poñendo de relevo, indirectamente pero tamén de xeito directo, a necesidade de seguir o seu exemplo normalizador do galego en calquera actividade económica ou innovadora que se acometa. Tamén se fai fincapé na súa condición de político, moi temperá (aos 21 anos, na Asemblea Nacionalista, e logo no Partido Galeguista ou na Candidatura Democrática Galega) e ao seu traballo como avogado. Por suposto, tamén se fai un intenso percorrido pola súa obra literaria, que abrangue pezas capitais como Galicia como tarea ou Galiza lavra a sua imagem.
Destacar tamén, ao abeiro da web do CCG, a sección de ideas para traballar sobre Paz Andrade, unha análise pormenorizada dos principais vieiros que conducen ao autor e que inclúe, entre outras cousas, un mapa conceptual (en formato PDF) que sintetiza e compendia, da man de Manolo Galego (deseño) Xermán Hermida (texto) as moitas xanelas e portas do que poderiamos chamar a casa de Paz Andrade: as diferentes partes do todo. O mapa é de gran utilidade non só para coñecer a figura do homenaxeado senón para acometer calquera actividade de celebración sexa cal sexa o formato elixido ou o punto de vista.
Como dixemos, a achega do CCG sobre Paz Andrade inclúe tamén unha interesante sección chamada Itinerarios de Ultramar, un apartado concibido en boa maneira como o que podería ter sido o blog de viaxes do escritor, máis polo miúdo da súa experiencia en América, reflectida nunha serie de artigos que o CCG complementa cada pouco.
O homenaxeado na festa das Letras, polo miúdo na web do Consello da Cultura Galega
Compartir Este Artigo
