
Como lembraremos, o Observatorio Herschel atópase en órbita, entre a Terra e Sol, e a estrutura de radiotelescopios ALMA en Atacama, Chile. Estes equipamentos, xunto con outros, fornecen de xeito constante á comunidade científica de grandes cantidades de información que lles axudan a entender e desvelar os segredos do Universo, pero que cómpre descifrar, interpretar e emprazar no seu sitio máis axeitado. Segundo informan fontes do CESGA, avaliar estes datos é tan fundamental como obtelos, e a isto se dedica unha manchea de equipos científicos no mundo, entre os que se atopan os que dirixe Octavio Roncero Villa no Instituto de Física Fundamental (IFF) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que conta coa capacidade de cálculo do CESGA e do devandito supercomputador.
Xa nun plano máis concreto e segundo informa o centro galego, entre os elementos de valor que se están a estudar coa axuda da tecnoloxía galega atópanse os espectros de microondas e infravermello que rexistra o satélites Herschel, ou os diversos compoñentes do espazo interestelar e das atmosferas planetarias e estelares que reflicten os equipos de ALMA, así como datos sobre a feitura dos cometas, planetas e satélites. Este coñecemento, unido a outras informacións relevantes, axudan aos grupos de científicos a entender mellor a formación das galaxias no universo primitivo, a súa evolución e a formación de moléculas ou biomoléculas. “Todo iso”, engade o CESGA, “aumentará o que xa se sabe en materias como a formación das estrelas tras o Big Bang -a grande explosión que deu orixe ao Universo- e a formación de estrelas e planetas en proceso de nacemento”.
Estes proxectos científicos, explica Octavio Roncero, permiten “detectar moléculas e a súa abundancia en nubes interestelares ou atmosferas planetarias, pero fai falta coñecer o seu comportamento en colisións con outras moléculas ou ións ou tras a absorción de fotóns para modelizar a súa evolución”.
Nas simulacións que se están a efectuar dende supercomputadores como o FinisTerrae do CESGA “obtéñense datos de enorme utilidade“, engade o científico do CSIC, “que empregarán os astrofísicos moleculares para o estudo da gran cantidade de información obtida grazas ó Herschel ou ALMA, en proxectos de decenas de anos de duración e moitos millóns de euros de custo“.
O CESGA pon en xogo a súa tecnoloxía de simulación para o estudo da orixe da vida
Compartir Este Artigo
