A empresa galega Edisa, posta en marcha en 1983 e especializada en desenvolvemento de servizos TIC de xestión empresarial, vén de anunciar que potenciará as súas accións de investigación na nosa terra, como elemento para impulsar o seu proceso de procura de novos mercados “e facer fronte á actual situación de crise que padece o sector”, din fontes da compañía. En boa medida, a estratexia non é nova e o que se pretende non é outra cousa que impulsar algo que xa estaba en marcha: a aposta pola investigación e o desenvolvemento de Edisa, un proceso aberto na empresa dende a creación, en 2006, do seu centro de I+D no Parque Tecnolóxico de Galicia, a Tecnópole de Ourense.
Edisa, que conta cun equipo de 200 empregados, inviste cada ano en innovación de seu arredor do 20% da súa facturación, liña estratéxica na que centran a actividade unhas 50 persoas. A I+D é para a empresa galega “a súa principal baza competitiva”. Para a firma, que arestora ten abertas varias liñas de acción relacionadas directamente con isto (o reforzamento da plataforma Libra para a aventura americana da compañía ou a inclusión de novos módulos no seo desta solución), estas iniciativas son unha resposta en liña coas estratexias que se están a materializar nas empresas dos sectores nos que traballa. Estas estratexias, engaden, céntranse de xeito global na procura da redución de custes ou na saída a novos escenarios de actividade (exterior e comercio electrónico). Do que se trata, sinala Carlos Suárez Rey, é de “ofrecerlles aos clientes as solucións que están requirindo ante a situación de crise actual”. Nesta liña de favorecer o aforro é onde se van inserir unha boa parte dos esforzos de Edisa en I+D, ampliando ao máximo o potencial de Libra, adaptándoo para que as empresas usuarias poidan operar entre si de xeito moito máis áxil e poñendo en marcha novas plataformas de e-comercio, cen por cen integradas co sistema de xestión Libra.
Edisa apostará pola I+D de seu para facer fronte á crise do sector
Compartir Este Artigo
