A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, asistiu esta mañá en Madrid ao Comité Sectorial de Administración electrónica. Na xuntanza o Goberno Central debullou as liñas principais do Plan Estratéxico da Dirección Xeral de Modernización Administrativa para impulsar a administración electrónica en relación coas comunidades autónomas.
Galicia está a desenvolver un conxunto de actuacións para implantar a eAdministración aliñadas coa estratexia estatal en canto á optimización do gasto, grazas a aplicación das novas tecnoloxías na Administración, e á reutilización das aplicacións informáticas. Para impulsar a interoperabilidade, é dicir, o intercambio de información e documentos entre administracións, a Xunta actuará como o nodo que posibilitará a conexión entre os servizos dixitais dos concellos galegos e os do Estado. Para acadar este obxectivo será fundamental o Centro de Proceso de Datos Integral, a infraestrutura tecnolóxica de altas prestacións que entrará en funcionamento este verán.

Por outra banda, traballarase na integración dos sistemas de rexistro autonómico e estatal.
Durante a xuntanza do Comité sectorial acordouse que Galicia participará en diferentes grupos de traballo para impulsar estratexias tecnolóxicas que contribúan a modernizar as administracións e acadar unha verdadeira administración electrónica.
Galicia tivo representación no Comité Sectorial de Administración electrónica celebrado en Madrid
Compartir Este Artigo
