O CESGA vén de celebrar en Compostela unha peculiar xuntanza entre representantes das empresas máis importantes do sector TIC internacional, e os alumnos do seu Master en Computación de Altas Prestacións (High Performance Computing, HPC) que leva a cabo nas universidades da Coruña e de Santiago de Compostela.
Esta xornada, que o CESGA celebra anualmente dentro da materia Obradoiro de Proxectos, forma parte da orientación profesional que se lle ofrece ao alumnado, e contou nesta ocasión con representantes de Gompute, HP, IBM, BULL e FUJITSU, compañías líderes no ámbito da supercomputación.
Durante o acto, os alumnos e alumnas do Máster HPC comprobaron en persoa os retos, alcance e posibilidades que a industria da computación de alto rendemento lle pode ofrecer aos profesionais coa formación necesaria; formación que, segundo afirmaron, “se imparte neste posgrao”.
A importancia deste master radica, en palabras dos seus responsables, en que “o HPC xoga un papel cada vez máis importante en áreas como a procura de novos fármacos e tratamentos, o deseño de medios de transporte máis seguros, predicións financeiras ou meteorolóxicas, e moitos máis”.
De aí que sexa tan fundamental poder contar con profesionais altamente formados nunha disciplina que cada vez acapara máis sectores. Neste sentido, os representantes das compañías punteiras do sector da computación, salientaron que “a demanda de profesionais con coñecemento e experiencia en supercomputación está a medrar moi apreciablemente” e “incrementarase aínda máis nos próximos anos”, engadiron.
Este master galego, que dá acceso, entre outros, ao Programa Oficial de Doutorado Interuniversitario en Investigación en Tecnoloxías da Información, ten saídas profesionais
en centros ou departamentos de I+D+i, grupos de investigación, centros tecnolóxicos, centros de procesamento de datos… así como en infinitas empresas dun sector que está en auxe.
Empresas líderes do sector buscan profesionais no Master HPC da UDC, USC e CESGA
Compartir Este Artigo

