O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) vén de por en marcha Percegurú, unha plataforma en liña de gran utilidade para os percebeiros galegos, que os informa en tempo real das condicións oceanográficas e climatolóxicas que se dan en cada área de traballo do litoral galego onde se explota o percebe.
A ferramenta ofrece predicións para un máximo de tres días nos períodos concretos de faena, e subministra datos tales como o estado do mar, a altura das ondas, a súa dirección e frecuencia, a forza do vento, as temperaturas do mar e do aire, e a subida e baixada das mareas en horario local, entre outras cousas.
Segundo informan dende a Xunta, Percegurú ofrece información detallada para cada confraría de percebeiros, e faino para os períodos de tempo concretos nos que está autorizada a faena, é dicir, desde dúas horas e media antes e ata dúas horas despois de baixamar diúrna, con tope nas 18:00 horas, “como establece a lexislación en vigor”, apuntan.
O mapa en liña complétase cunha luz a modo de semáforo, que en verde significa que as ondas da zona non superan os dous metros; en ámbar que acadan un tamaño entre os dous e os tres metros e en vermello que as ondas superan os tres metros e que, como consecuencia impiden desenvolver con seguridade o laborioso oficio.
En definitiva, trátase dunha ferramenta que, alén da súa utilidade orixinal para servir aos percebeiros no seu labor diario, podemos tela en conta para o noso propio proveito como bañistas, pois é moi doada de usar e presenta a información de xeito moi funcional a carón do mapa representativo.
Nace Percegurú, unha web que informa aos percebeiros sobre as condicións das súas áreas de traballo
Compartir Este Artigo

