Carmina o revienta, a primeira película estreada en España de xeito simultáneo nas salas de cine, plataformas de descargas legais por Internet, televisión de pago e DVD, vén de volver a facer historia en menos dunha semana da súa estrea, ao terse convertido na primeira película con máis visionados legais na Rede en todo o Estado, rexistrando entre 12.500 e 15.000 só nos primeiros días.
Dende o Ministerio de Cultura, que fixeron un cómputo dos espectadores que ten de media cada visionado deste tipo, sinalan que o sábado 7 de xullo, ás 22:00 horas, a película xa acadara en torno aos 30.000 espectadores, unha cifra que confirma, por unha banda, a boa acollida que ten Paco León en públicos de tódalas idades arestora, e pola outra, as posibilidades reais que ofrece a Rede para este tipo de actividades se se confía no que un fai, e se se teñen moitas ganas de traballar.
A isto hai que engadirlle que dos 15.000 DVD que chegaron ás tendas, xa se vendeu o 80%, e que non se inclúe na conta as descargas do domingo, 8 de xullo, día no que seguramente se contabilizaron algúns milleiros máis.
Carmina o revienta pode verse dende o pasado xoves en oito plataformas en Internet e en dúas plataformas de televisión á carta, a prezos que van dende os 1,95 ata os 4 euros; e dende o venres en 20 salas de cine e en DVD aos prezos habituais destas plataformas, polo que se trata dun filme que xa dende a súa estrea se adaptou a todo tipo de petos e a todo tipo de gustos á hora de consumir audiovisual.
Os méritos do seu director son incontables, e xa que logo, ao feito de ter logrado facer unha peza de festival cos seus propios fondos (obtendo así o control artístico da película), hai que engadirlle que, logo de rexeitar unha gran oferta dunha distribuidora, León ofertoulle a película ás salas interesadas vía Twitter, conseguindo á fin que se proxectara en 20 pantallas de todo o territorio nacional.
Di León, e non lle falta razón, que “o importante non é que sexa a máis descargada, senón a demostración de que o público está preparado para estes lanzamentos”, polo que agardemos que sexa o comezo dunha longa actividade por esta mesma vía multiplataforma a unísono que, entre outras cousas, evitará en boa medida a descarga ilegal de contidos na Rede.
A aposta audiovisual de Paco León bate récords de descargas legais na Rede
Compartir Este Artigo

