O vindeiro 19 de xullo, o Centro Demostrador TIC de Galicia vai acoller unha xornada dedicada a expoñer as oportunidades de accesibilidade que ofrece actualmente o software libre, que vai dirixida, con carácter prioritario, a profesionais e persoal técnico de diversos sectores que enfocan a súa actividade cara as persoas con diversidade funcional no noso país.
A xornada, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:00 horas, servirá para mostrar distintos exemplos de solucións tecnolóxicas de accesibilidade con licenza libre, deseñadas especificamente para permitirlle ás persoas con diversidade funcional o acceso pleno á sociedade da información e ás súas ferramentas.
O feito de estaren baseados en fontes abertas permite que estes programas teñan un custe moi inferior aos seus curmáns privativos, e mesmo que nalgúns casos sexan de balde, o que favorece a integración no uso das TIC de tódalas persoas sen excepcións.
O programa inclúe un percorrido polas instalacións do CDTIC compostelán, e a posterior exposición de casos de éxito e demostración das posibilidades que acadan cada unha das ferramentas presentadas.
En principio vaise demostrar a accesibilidade no entorno de escritorio Gnome; o software libre na educación (da man dos responsables de Abalar e da ONCE) e as tecnoloxías libres para a interacción multimodal de usuarios con diversidade funcional, da man de persoal especializado de Gradiant e da Universidade de Vigo, entre outros.
As persoas interesadas en acudir a esta cita tecnolóxica deben inscribirse na web do CDTIC, achegando os seus datos persoais e de contacto.
Software libre para mellorar a accesibilidade das persoas con diversidade funcional
Compartir Este Artigo

