O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) maila Fundación para a Formación e Emprego de Galicia (Forem Galicia) veñen de asinar un convenio de colaboración co que se comprometen a unir forzas no proxecto de axuda a persoas desempregadas, Aprendedores.
O acordo establece unha serie de canles para a realización conxunta de actividades de asesoramento, investigación, formación ou “calquera outro tipo de accións que redunden no beneficio de ámbalas dúas partes”, aseguran, e sobre todo no beneficio das persoas que se atopan percibindo prestacións ou subsidios por desemprego.
Segundo afirman, a colaboración entre CPEIG e Forem Galicia “poderá contemplar diferentes aspectos”, que van dende a cooperación no desenvolvemento do programa Aprendedores ata a achega de profesionais docentes para impartir distintas accións formativas que faciliten a integración laboral dos e das participantes.
Tamén se busca facilitar o intercambio de información entre as empresas do sector e Forem Galicia para establecer convenios en prácticas, así como o intercambio de información e documentación sobre calquera aspecto do sector que axude á orientación dos afectados.
Asemade comprométense a publicitar e promover o proxecto Aprendedores, a fin de dalo a coñecer ao maior número de persoas; á achega de boas prácticas sobre iniciativas emprendedoras; ao asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coas actividades propias de ambas entidades e á colaboración na inserción laboral do alumnado obxecto do proxecto.
As persoas encargadas de asinar o convenio de cooperación foron, por parte do CPEIG o seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo, e por parte de Forem Galicia, María Luísa Estalote Suárez, directora da fundación.
O CPEIG, comprometido coas persoas desempregadas do país
Compartir Este Artigo

