O fundador de Megaupload, Kim Dotcom, en liberdade baixo fianza despois de ter sido retido durante un mes por supostos delitos de pirataría, está tratando de limpar o seu nome no país que o levou ao cárcere, e vén de acusar publicamente á industria de Hollywood de “ter medo de Internet” e de exercer presión sobre o goberno dos Estados Unidos para que o vilipendien.
Así o fai saber nunha carta aberta dirixida á industria do cine de Hollywood, na que Dotcom argumenta que coa súa plataforma “só estaba a buscar maneiras de mellorar a privacidade e o almacenamento en liña”, asegura.
A maiores engade que el non é inimigo da industria do cine, senón todo o contrario: “teño as solucións aos teus problemas”, indícalle a Hollywood, “e estou á vangarda da creación de cousas interesantes que lle permitirán ás obras creativas prosperar na era de Internet”, explica.
Dotcom tamén aproveita o escrito para acusar á industria do cine de Hollywood de ter instado indirectamente ao FBI a iniciar a investigación que o levou ao cárcere, por suposta copia e distribución de música, películas e contidos protexidos por dereitos de autor sen autorización, cando o único que fixo, en palabras dos seus avogados, foi “ofrecer almacenamento en liña”, aclaran.
Agora un tribunal de Nova Zelanda deberá escoitar unha solicitude das autoridades estadounidenses para a extradición de Dotcom para o seu procesamento por delitos de pirataría en Internet, branqueo de diñeiro e violación de dereitos de autor do alemán; algo que tardará algo máis do previsto pois o xuíz encargado de coñecer o asunto acaba de dimitir.
Kim Dotcom acusa á industria do cine de terlle medo a Internet
Compartir Este Artigo

