O Centro de Supercomputación de Galicia cubre máis liñas de actividade do que unha boa parte de nós, tendo en conta a súa natureza teoricamente ligada á información e ao cálculo, pode imaxinar. En realidade, é precisamente grazas ao seu potencial para o manexo de información, á súa capacidade de cálculo e ao alto nivel das/os profesionais que traballan no seu seo, que practicamente se poden tocar, dende o CESGA, tódolos paus. A semana pasada soubemos de novos eidos de actividade: a investigación para as estruturas de enxeñaría civil. Máis polo miúdo, o centro emprazado no Campus Sur de Santiago está de actualidade por ter experimentado un novo método computacional para o devandito eido construtivo.
O seu nome é Harmonic coupled finite-strip method, (HCFSM) e constitúe, como dixemos, un método computacional para resolver problemas mecánicos relacionados coa modelización de estruturas en enxeñaría civil. O recurso, que segundo manifestan dende o CESGA é “absolutamente novo”, amosa gran potencial para o deseño de altas estruturas, pontes e compoñentes de construción, como grandes trabes de aceiro. Para o CESGA, o novo método “é moito máis rápido e preciso cós coñecidos ata o de agora, e suporía un avance no deseño de estruturas en enxeñaría civil, de demostrarse a súa validez na investigación que están a realizar científicos da Universidade de Novi Sad, Serbia, no Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA”.
Todo isto foi dado a coñecer a semana pasada nunha visita oficial ao centro galego do profesor Lazar Stričević da Facultade de Ciencias Técnicas da Universidade de Novi Sad, Serbia, durante a conferencia The Harmonic Coupled Finite-Strip Method Implementation, na que deu a coñecer a súa investigación e os avances realizados no seu seo. O profesor Stričević está a realizar unha estancia de investigación en virtude dun acordo de colaboración asinado entre o CESGA e a Universidade de Novi Sad. A día de hoxe, informou o centro galego, estase a testar nos ordenadores do CESGA o Prototipo de Aplicación do Harmonic coupled finite-strip method, (HCFSM), “que permitirá realizar os cálculos en estruturas lonxitudinais calculando cada banda nun único procesador, o que permite cálculos moi rápidos e que poden ser repartidos nun sistema como o Finisterrae, empregando á vez uns 200 procesadores”.
O obxectivo da investigación é minimizar o tempo de execución do programa chamado FSMNE, desenvolvido polo Profesor Milašinović na Universidade de Novi Sad, a través de paralelización. “Isto implica a realización dun Test de Escalabilidade do prototipo do programa nun número elevado de procesadores, un test de rendemento de execución en IA-64 e comparalo con x86 e identificar os límites computacionais do programa”, contan fontes do centro galego.
Documentación do CESGA
O Método de Bandas Finitas, Finite-Strip Method (FSM), é un método numérico derivado do Método de Elementos Finitos, Finite-element method (FEM), que se empregan para a determinación dos efectos das cargas en estruturas físicas. A matriz de rixidez da estrutura calcúlase tomando todas as series de termos xuntos, de maneira que aínda que resulta un pouco máis complexo, é máis preciso que outras versións do FSM. Ao introducir os datos xeométricos da estrutura, as características dos materiais e os vectores de forzas máis os seus incrementos, o programa calcula a matriz de rixidez do sistema (Tensión) e a matriz de desprazamentos do sistema (Deformación).
As vantaxes que ofrece o novo método que se está probando nos supercomputadores do CESGA, Finisterrae e SVG, é que esixe menos ecuacións para a súa resolución, aínda que estas sexan máis complexas. O Harmonic coupled finite-strip method resulta máis rápido e preciso ca outros métodos, como o FEM, aínda que estea indicado sobre todo para o deseño de pontes e altas estruturas, así como para deseño de compoñentes de construción fundamentais, como trabes de aceiro, por exemplo.
Proban no CESGA un novo método de cálculo para obras civís
Compartir Este Artigo
