O presidente da Junta de Extremadura, José Antonio Monago, vén de dar de baixa a súa conta de Twitter (@JAMonago) logo de que nela se publicara unha mensaxe automática xerada por lograr un récord no coñecido videoxogo Doodle Jump.
A última mensaxe que apareceu na conta de Monago, antes de ser desactivada, consignaba que conseguira un récord de 2.215 puntos no devandito xogo en liña, moi de moda por certo entre os nenos e adolescentes do país.
Segundo informa a prensa estremeña, o secretario xeral de Comunicación da CCAA, Juan Rodríguez Plaza, sinalou que o episodio se orixinara “por unha mensaxe infantil” e asegurou que o presidente ten intención de restablecer a súa conta.
Como era de agardar, a anécdota xerou o luns varias mensaxes irónicas en Twitter, entre as que destacan algunhas como “Los casos de Bañez y Monago confirman que 2 de cada 10 políticos no juegan a Angry Birds ni a apalabrados…” de @pedroblancoa; “Ahora os reís de Monago, pero algún día el ”Doodle Jump” será olímpico y allí estará luchando por el oro”, de @moedetriana; “Monago es un crack al Doodle Jump, qué envidia le tengo, con lo mal que se me da a mí ese maldito juego…”, de @javbonilla; ou “Mónago, ese máquina en el DoodleJump… que ha tenido que cerrar su cuenta de Twitter”, do xornal El Huffington Post (@ElHuffPost), medio onde publican a nova facendo referencia ao caso similar que lle sucedeu recentemente á ministra de Emprego, Fátima Báñez.
A ministra, a quen tamén lle apareceran na súa conta de Twitter os 5.390 puntos que logrou no Bubble Shooter Adventures, non cancelou daquela a súa conta, senón que tan só borrou o tuit e pediu desculpas publicamente alegando que fora o seu fillo de sete anos o que esta xogando co móbil.
Os xogos móbiles volven a deixar en evidencia á clase política española
Compartir Este Artigo

