A Xunta de Galicia, a través da Axenda Dixital 2014.gal, está a desenvolver unha serie de medidas tecnolóxicas que permitan avanzar cara unha administración electrónica cen por cen, da que se poidan beneficiar tanto as empresas como a cidadanía en xeral, e outras administracións.
O que se trata é de permitir realizar de xeito telemático o maior número de procedementos posible, para así evitar, entre outras cousas, os desprazamentos ata as sedes físicas da Xunta e a achega de documentos por duplicado que entorpecen o labor do funcionariado e aumentan o tempo de demora das solicitudes realizadas.
Xa que logo, dende setembro de 2011 cidadáns e empresas poden acceder á sede electrónica a través da dirección https://sede.xunta.es, na que xa se poden presentar de xeito telemático un total de 437 procedementos, “máis do 28% do total de trámites dispoñibles”, informa o Executivo.
En menos dun ano multiplicáronse case por catro os procedementos dispoñibles a través desta sede virtual, unha porcentaxe que se irá incrementando de tal maneira que a finais de 2012 “o 95% dos novos procedementos se poidan presentar de xeito electrónico”, aseguran.
A sede electrónica, que se converterá no punto de acceso único a toda a Administración na Rede, ofrecerá de xeito progresivo a mesma información e os mesmos servizos que teñen agora á súa disposición os cidadáns en calquera das xanelas das consellerías.
Como exemplos das vantaxes acadadas neste tempo cabe citar que a plataforma en liña, ao facilitar a interoperabilidade en tódalas consellarías, evitou a presentación do DNI en máis de 2.450 trámites así como o certificado de empadroamento a máis de 500 persoas; permitiu dotar aos empregados públicos dunha tarxeta intelixente que facilita o teletraballo e a regulación da flexibilidade horaria; permitiu asinar electronicamente 27.000 documentos administrativos (co consecuente aforro de tempo e cartos); e mesmo permitiu que milleiros de galegos e galegas consultaran o DOG a través de Internet, unha tarefa que seguirá a ser exclusiva dos e das internautas, ao non existir xa a versión impresa en papel.
Xa é posible realizar en Galicia preto de 440 procedementos telemáticos a través da eAdministración
Compartir Este Artigo

