Coincidindo co remate do verán, o vindeiro 21 de setembro, a Asociación Comunidade o Zulo ten previsto celebrar en Mugardos o seu tradicional Ciberencontro Kernel, no que se congregará durante tres días a mozos e mozas de toda Galicia con especial interese no software libre.
Trátase da novena edición desta cita lúdico-tecnolóxica, que se celebra no Concello de Mugardos dende o 2004, e que reúne a persoas dos máis diversos ámbitos profesionais sen importar a súa idade nin o dominio que teña das novas tecnoloxías.
O evento, ademais de facilitar o intercambio de experiencias e ideas entre as persoas inscritas (moitas delas habituais desta cita), conta cun amplo programa de charlas e relatorios en torno ás ferramentas abertas, que se desenvolverán ao longo do venres 21 e o sábado 22 de setembro.
O venres, a partir das 22:00 horas, terá lugar o Drupal BoF, unha reunión informal de persoas con intereses comúns en torno ao xestor de contidos Drupal, mentres que o sábado, o día forte das charlas, o relator Miguel Bouzada fará a presentación da nova versión de GALPon MiniNo e o compañeiro Miguel Ángel Rodríguez Muíños falará sobre a posibilidade da realización de estudos de saúde coa ferramenta especializada na materia, EpiLinux.
Xa a partir das 13:20, terá lugar unha exposición de usos profesionais de GNU/Linux, na que se presentarán 5 casos reais, e a partir das 17:00 celebrarase un obradoiro de Iniciación á robótica con Arduino.
Xa na vertente lúdica, o programa recolle a celebración dun campionato de OpenArena, o xogo de acción 3D libre, baseado no código fonte do motor gráfico do Quake III, publicado con licenza GPL.
A organización reservou a xornada do domingo, 23 de setembro, para a final do Campionato OpenArena e a entrega de premios a partir do mediodía.
As persoas interesadas en asistir a este Ciberencontro Kernel 2012, poderán realizar a inscrición en liña directamente na web oficial. O seu prezo é de 10 euros.
Mugardos celebrará o seu Ciberencontro Kernel os vindeiros días 21, 22 e 23 de setembro
Compartir Este Artigo

