O Concello de Brión, na súa teima por formar a toda a veciñanza no uso das novas tecnoloxías para que poidan aproveitalas no seu día a día, vén de convocar un curso de Iniciación á informática e seis obradoiros de temática variada, cos que iniciar ás persoas asistentes no emprego de distintas aplicacións tecnolóxicas.
Trátase de obradoiros prácticos, de dúas horas de duración cada un, nos que os alumnos e alumnas poderán fozar en ferramentas de uso cotiá como o comercio electrónico; o servizo de comunicación en liña, Skype ou as redes sociais Facebook e Tuenti.
Estes obradoiros terán lugar todos os martes do mes de outubro entre as 20:00 e as 22:00 horas na aula CeMIT da localidade coruñesa, e a súa cota de matrícula é de 5 euros por cada obradoiro.
As temáticas escollidas para esta quenda son as que seguen: o vindeiro martes, 2 de outubro: comercio electrónico; o 9 de outubro: uso de Skype; o 16: formatos de música e vídeo; o 23: ferramentas de gravación de CD e DVD; e finalmente, o martes 30 de outubro o obradoiro versará sobre o uso das redes sociais.
A maiores, o xoves 25 de outubro celebrarase na mesma aula un curso de organización de viaxes en liña, no mesmo horario que os devanditos obradoiros.
No tocante ao curso de Informática de Usuario, comezará a impartirse o primeiro módulo (o de Iniciación á informática) do 1 ao 24 de outubro, e ten un custe de 30 euros.
Para esta actividade formativa haberá dúas quendas: unha de mañá, os martes, mércores e venres de 10:30 a 12:30; e unha de tarde, os luns, mércores e venres de 20:00 a 22:00 horas
Para anotarse nestes cursos hai que dirixirse á Casa da Cultura de Brión ou chamar ao teléfono 981 50 99 08 antes do vindeiro 24 de setembro.
Brión convoca novos cursos de formación en novas tecnoloxías, a impartir en outubro
Compartir Este Artigo

