En outubro do ano pasado, o equipo responsable do Proxecto NACCE escollía Ourense para presentar alí a súa iniciativa tecnolóxica, unha iniciativa que xurdía inicialmente para fomentar o emprendemento e a internacionalización do sector TIC na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e que un ano despois prosegue con teima na súa andaina innovadora.
Sen ir máis lonxe, o pasado 18 de setembro, o Proxecto Nacce volvía a facer parada na cidade das Burgas, porén desta volta en feitura de foro: o II Foro NACCE, que se celebrou na ESEI de Ourense para asesorar aos asistentes na creación de start-ups e no uso de marketing dixital para promoverse.
Os e as profesionais convocados a esta cita coincidiron en afirmar que “hai talento, hai formación, hai mercado e hai expectativas de futuro, pero falta que as ideas se convertan finalmente en proxectos empresariais sólidos”; e esa é a intención do ciclo de foros NACCE que se está a celebrar pola nosa xeografía: axudar ao empresariado do sector TIC a transformar en realidade as súas propostas de negocio.
A cita ourensá contou coa presenza de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Amparo González, directora xeral de Promoción do Emprego da Xunta; José María López, presidente de AGESTIC, e José Manuel García, xerente da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, que foron as persoas encargadas de inaugurar a sesión e de presentar aos relatores convidados.
Na súa intervención, Mª Amparo González, indicou que “o sector TIC ten un enorme potencial que merece unha aposta decidida, especialmente nestes tempos de crise”, e niso precisamente é no que se centra o Proxecto NACCE, en asesorar e axudar ás persoas emprendedoras para que poñan a andar as súas ideas de negocio.
Nesta aposta polas TIC, o presidente de AGESTIC animou aos participantes a aproveitar todas as posibilidades que lles ofrece Nacce, un proxecto global que conta con máis de 60 mentores de diversas disciplinas para apoialos e asesoralos nos seus proxectos empresariais.
Neste senso, López Bourio díxolle ás persoas alí presentes que “ben asesorados podedes levar as vosas empresas ao éxito”, palabras que corroboraron os exemplos prácticos de casos de éxito que se presentaron na mesma sesión.
Representantes de firmas como Web Menus S.L, Womenemprende ou Compring.com foron os encargados de animar aos emprendedores presentes a iniciar a súa andaina como empresarios de prestixio.
Ourense confía no empresariado TIC para saír da crise
Compartir Este Artigo

