
Nokia Xpress é unha plataforma na nube que axúdanos a aproveitar o noso plan de datos no móbil ao comprimir ata un 85% os contidos que descarguemos, o que tamén se traduce nunha descarga máis áxil, como xa facían no seu día navegadores como o Opera, e que agora consegue unha excelente integración en terminais Lumia.
Esta solución tamén permite monitorizar o noso consumo de datos dende unha aplicación que se integra no menú de inicio do móbil, permite gardar páxinas web en local para a súa consulta posterior e tamén permite que enviemos ficheiros a SkyDrive (de xeito que se atopamos dende móbil un ficheiro de grande tamaño que queiramos descargar, podemos facer que se descargue directamente en SkyDrive para facernos con el cando teñamos conectividade Wi-Fi ou dende un ordenador, evitando un consumo de datos innecesario dende o móbil).
Con Nokia Express tamén temos a funcionalidade de Magazine (que constrúe unha revista virtual cos contidos das páxinas que indiquemos, facilitando a súa consulta periódica), QuickLinks (que amosa atallos ás páxinas web que visitemos con maior frecuencia), Smart & Easy Discovery (que permite ampliar información sobre unha palabra e localizar contidos relacionado, podendo moverse con axilidade entre a Wikipedia, Bing e YouTube) e Translations (un servizo de tradución automática de páxinas web).
Complétase así unha interesante plataforma baseada na nube coa que Nokia consegue fiar o sistema operativo móbil e os servizos en liña de Microsoft e os contidos na Rede dentro dunha aplicación exclusiva que resulta de grande utilidade para o usuario final.
Video de presentación de Nokia Express for Lumia
Nokia leva a compresión de páxinas web aos móbiles Lumia a través dunha nova aplicación
Compartir Este Artigo

