Aínda que os móbiles con Android inclúan o servizo de navegación GPS de Google, algúns usuarios poden preferir empregar solucións de navegación máis completas, de aí que hoxe se estree en Google Play a aplicación TomTom Navigation, que pode adquirirse por un prezo de lanzamento que vai dende os 34,99 euros (para a versión cos mapas da Península Ibérica) ata os 59,99 euros (para a versión cos mapas de toda Europa).
A aplicación goza dos mesmos mapas que os navegadores físicos de TomTom, con vantaxes como poder funcionar onde non haxa cobertura móbil, contar con actualizacións de balde durante a vida útil do produto (normalmente recibe un mínimo de 4 actualizacións ao ano), precisión no cálculo do tempo a distintas horas do día para chegar ao noso destino grazas a IQ Routes, adaptación ao estado do tráfico (onde sexa posible) grazas á tecnoloxía TomTom HD Traffic, alertas de radares de tráfico, indicación anticipada de carrís e indicación de rúas e estradas por voz.
A principal vantaxe desta solución de navegación sería a posibilidade de gardar os mapas na memoria interna do noso smartphone, o que precisa de bastante espazo libre, pois os mapas de Península Ibérica ocuparían uns 546 Mbytes, mentres que os de toda Europa chegarían aos 3,4 Gb, o que tamén supón uns tempos de descarga dos mapas bastante elevados (e para os que deberiamos conectar o móbil por Wi-Fi).
Tamén conta con condución 2D/3D, cálculo de rutas alternativas, instrucións por voz, rutas con paradas múltiples, rutas ecolóxicas, silenciado automático da música, modo automático de vista diurna e nocturna, etc.
Recomendamos aos usuarios interesados en adquirir a aplicación que procuren comprobar que aparece en Google Play como un desenvolvemento de TomTom International BV para evitar mercar falsificacións que de cando en vez aparecen nas tendas de aplicacións.
Vídeo co que TomTom anuncia a súa estrea en Android facendo o robot
TomTom estrea aplicación de navegación para Android
Compartir Este Artigo

