Aínda que o servizo BlackBerry Messenger está a perder pulo fronte a WhatsApp e outras plataformas de comunicación en grupo, dende RIM non tiran a toalla, e na versión 7.0 está a incorporarse o servizo BBM Voice, que permite facer chamadas de voz sobre IP a través de Wi-Fi entre usuarios de terminais BlackBerry, e que actualmente está en fase de probas.
Deste xeito a aplicación BBM non se limitará a chats en tempo real, senón que facilitará o establecemento de comunicacións de voz sen consumir minutos da nosa tarifa telefónica, aínda que polo momento tal funcionalidade limitaríase a conexións Wi-Fi, pois de empregarse a través de 3G podería entrar en conflito coas compañías de telecomunicacións, pois podería ter un impacto moi importante no uso que se fai das súas redes (incrementando o tráfico de datos e reducindo os minutos de voz facturados).
Actualmente xa hai plataformas de comunicación en tempo real como Viber e LINE que ofrece a posibilidades de realizar chamadas de VoIP de balde, e nunha liña semellante a versión de proba de BBM presenta unha icona na listaxe de contactos do programa para amosar se están dispoñibles para unha chamada de voz a través de Wi-Fi, momento non que continuará a ser posible manter un chat tradicional para compartir imaxes ou outros contidos, sendo unha solución compatible co altofalante e con sistemas de mans libres Bluetooth, polo que sería tan versátil como unha chamada de voz tradicional, pero coa vantaxe de resultar totalmente de balde.
BlackBerry Messenger permitirá facer chamadas de voz a través de Wi-Fi
Compartir Este Artigo

