A película O Apóstolo, o primeiro filme europeo realizado en animación stop-motion estereoscópica, chegou aos cines o pasado 31 de outubro, pero a súa intención de chegar a un grande público está a verse truncada, pois aínda que tiña un contrato de distribución asinado con 80 salas, arrincou con só 25 cines e aínda hai moitas cidades españolas nas que resulta imposible ver a película galega que en contraste está a acadar grandes recoñecementos en festivas internacionais (como o Expotoons de Buenos Aires e o CineHorizontes de Marsella.
Para loitar contra a reducida presenza en salas comerciais veñen de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en liña dende a que solicitan a Yelmo Cines, Cinesa, Kinépolis e Cinebox que programen O Apóstolo como o filme merece.
Actualmente en Galicia O Apóstolo pode verse na sesión das 16:00 horas dos cines de As Cancelas e Marineda City (Cinesa) e ás 18:10 e 20:20 horas nos cines de Los Rosales (Yelmo Cines); fóra das cadeas ás que vai dirixida a petición en liña tamén está a exhibirse en Ferrol (Cine Dúplex), Monforte de Lemos (Multicines Hollywood), Carballo (Multicines Bergantiños), Santiago de Compostela (Valle Inclán) e Vigo (Plaza Elíptica); en 2D en tódolos casos, detalles que non facilitan que o filme poida conseguir unha boa recadación.
Piden unha maior presenza nos cines da película galega O Apóstolo
Compartir Este Artigo
