Nokia leva varios trimestres rexistrando malos resultados económicos, e como vía para conseguir liquidez vén de anunciar que a finais de ano vai formalizar a venda da súa sede finlandesa en Espoo á empresa do mesmo país Exilion por un prezo de 170 millóns de euros, continuando a compañía a ocupar as instalacións, xa que coa compra tamén subscribe un contrato de arrendamento a longo prazo.
Timo Ihamoutila, director financeiro de Nokia, declarou que “ter bens inmobiliarios non é parte do negocio central de Nokia” de aí que aproveiten a oportunidade de vender a sede de 48.000 m2 que veñen utilizando dende 1997 para conseguir o músculo suficiente para superar o temporal actual que está a azoutar no mercado da telefonía móbil no que apenas hai un par de grandes compañías rexistrado resultados positivos (Apple e Samsung).
Agárdase que a chegada ao mercado dos novos móbiles da familia Lumia con Windows Phone 8 (que mañá anunciarán o seu calendario de lanzamentos en España) contribúa a mellorar a posición de Nokia no sector e, de feito, as reservas do Nokia Lumia 920 están a superar todas as previsións, podendo chegar a converterse nun dos móbiles máis relevantes da tempada.
Nokia vende a súa sede por 170 millóns de euros
Compartir Este Artigo
