Coa chegada de Windows 8 fíxose popular un cliente de Twitter para o novo sistema operativo, Tweetro, que chegou moi rápido ás 100.000 contas de usuario sincronizadas, superando o límite que pon Twitter ás aplicacións de terceiros para operar de balde coa súa plataforma, o que levou a Tweetro a morrer de éxito, anunciando que volverían como aplicación de pagamento, Tweetro+, que por fin está dispoñible a un prezo de 8,49 euros, cantidade que parece buscar conter o éxito da aplicación para non repetir a fortuna da súa versión de balde.
Cómpre destacar que as limitacións de uso de Twitter por parte de aplicacións desenvolvidas por outras compañías veñen impostas, de xeito que unha vez que unha aplicación supera os 100.000 usuarios activos poderá seguir manténdoos pero non poderá engadir máis. Precisamente por iso Tweetro+ limita o seu número de contas activas a 2 (precisando dun pagamento adicional de querer ampliar o uso ata a 5 contas de Twitter) e incluso advirten que non poden garantir o funcionamento futuro de Tweetro+ baixo as súas condicións iniciais por depender totalmente de Twitter, o que reflicte unha grande inseguridade para traballar con esta plataforma dende aplicacións non oficiais (que desafortunadamente son moi superiores ás oficiais e que no caso de Windows 8 nin sequera existe tal).
Tweetro estaba a ter moi boa acollida por ser a aplicación para Windows 8 que mellor permitía o acceso a Twitter aproveitando a interface de uso do novo sistema operativo de Microsoft, coa lectura de tuits en tempo real, navegador web integrado, visualizador de imaxes, notificacións, soporte de xestos, configuración de múltiples contas de usuario… funcións todas que agardemos que ofreza en breve Twitter a través dunha aplicación oficial para non decepcionar a usuarios tanto de equipos de escritorio como de tablets con Windows 8 e Windows RT.
Tweetro+ chega á Tenda de aplicacións de Windows 8 a un prezo de 8,49 euros
Compartir Este Artigo

