Aínda que un día como hoxe a xente estea máis pendente das boas relacións sentimentais, dende Mashable dan conta dunha nova aplicación móbil que están a desenvolver para Android e iOS, e que busca facilitar as rupturas amorosas eliminando todo rastro das mesmas da nosa conta de Facebook, para non ter que ver a cara da nosa ex parella cada vez que accedamos á plataforma social creada por Mark Zuckerberg. KillSwitch ten fixado o seu lanzamento para hoxe mesmo, venderase por 0,74 euros (destinando os beneficios á Asociación Americana do Corazón) e terá un funcionamento moi sinxelo: a aplicación conecta co noso perfil de Facebook, permítenos elixir a persoa da que queiramos eliminar o rastro, e de xeito automático percorrerá o noso taboleiro buscando as anotacións onde aparece tal persoa para eliminalas, tratamento que tamén dá a fotografías e vídeos (que acaban nun cartafol oculto).
Temos así unha interesante ferramenta para facer limpeza na nosa vida dixital, o que moitos agradecerán no caso de rematar unha relación, por ser o equivalente electrónico a queimar as fotografías da outra persoa. Sobra dicir que, aínda que o obxectivo principal desta aplicación é desligarse virtualmente dunha anterior parella, tamén pode empregarse para eliminar o rastro dun amigo, un compañeiro de traballo ou calquera outro contacto do que non queremos saber máis.
ACTUALIZACIÓN: KillSwitch está dispoñible por 0,74 euros en Google Play. A versión para iOS publicarase en breve.

