O navegador web de Mozilla chega á súa nova iteración e estrea hoxe oficialmente o Firefox 19, que podemos xa descargar en galego nas súas versións para Windows, OS X e Linux, que como principal vantaxe incorpora un visualizador nativo de ficheiros PDF, que en vez de empregar un engadido, aproveita as tecnoloxías HTML5 e JavaScript para amosar este tipo de documentos, o que supón numerosas vantaxes como unha maior velocidade de carga e unha seguridade moi superior. Estamos ante unha demostración de que o HTML pode servir para achegar certos contidos a múltiples plataformas sen precisar de tecnoloxías adicionais (de xeito que ordenadores, tablets e móbiles poderían acceder así a documentos PDF sen precisar de ter instalado o correspondente visor de Adobe).
Aparte do mencionado visor de PDF o novo Firefox inclúe novidades para desenvolvedores, soporte de novos elementos HTML5 e varias correccións de erros, como é habitual en cada revisión deste navegador web.
O Firefox 19 incorpora un visor nativo de documentos PDF
Compartir Este Artigo

