A novidade máis rechamante de Android 4.2 foi a incorporación da aplicación Photo Sphere, que facilita a creación de imaxes envolventes empregando a cámara do móbil, o que polo momento poden facer poucos dispositivos (por estar pouco espallada tal versión de Android) oportunidade que aproveitan dende Microsoft para estrear a aplicación de Photosynth para Windows Phone 8, facendo doado capturar imaxes de 360 graos do noso contorno.
A nova aplicación está integrada nas lentes de Windows Phone (de xeito que pode accederse á mesma dende a aplicación de cámara fotográfica), permite ver imaxes panorámicas e envolventes de Photosynth e compartilas en Facebook e Twitter e inclúe numerosas opcións de control da cámara para adaptarse ás distintas condicións de luz que podemos atopar (podemos así bloquear a exposición e o balance de brancos para conseguir unha imaxe uniforme).
Photosynth é unha tecnoloxía que Microsoft leva moitos anos empregando, que destaca por ser capaz de combinar numerosas instantáneas para compor imaxes de grande tamaño (o que tense aproveitado, por exemplo, para rexistrar a toma de posesión do presidente dos EE.UU. a través das cámaras fotográficas dos moitos asistentes).
É de agardar que agora que Photosynth está dispoñible en móbiles con Windows Phone 8 dispárese o número de localizacións rexistradas, que poden compartirse a través de Photosynth.net e integrarse en Bing Maps, contribuíndo a ter cada vez máis escenarios retratados con esta tecnoloxía e que incluso funciona con cámaras dixitais ordinarias (aínda que o uso de dispositivos móbil simplifica moito o seu uso).
Para celebrar a estrea de Photosync para Windows Phone 8 dende Microsoft decidiron organizar un concurso de fotografías tomadas con esta tecnoloxía, estando o seu prazo aberto ata o 13 de marzo. As fotografías gañadoras aparecen no blog oficial de Windows Phone, no seu boletín electrónico e compartirase a través de Twitter, Facebook e Pinterest.
Photosynth permite crear fotografías de 360 graos dende Windows Phone 8
Compartir Este Artigo

