A delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, presentou a semana pasada os espazos para negocios e emprendedores que pon en xogo, á súa disposición, o novo edificio de servizos do Parque Tecnolóxico. Estes espazos, que se complementarán con áreas de coworking, salientan a xuízo de Pedrosa polos servizos que achegan e tamén pola súa localización especialmente idónea: na contorna dunha área onde xa traballan máis de tres mil persoas. Asemade, o edificio é flexible para acoller calquera tipo de negocio, dixo. A partir desta primavera xa se poderán instalar nesta nova dotación desde un ximnasio, a cafetarías-restaurantes, locais comerciais, oficinas bancarias e todos aqueles negocios que presten servizos a empresas e á cidadanía en xeral, subliñou.
O inmóbel en cuestión atópase na entrada ao Parque Tecnolóxico. Responde ao interese do Consorcio por construír infraestruturas para o asentamento de empresas e realizar un programa de investimentos continuados que acheguen valor ás firmas xa instaladas nas devanditas infraestruturas. Este novo edificio de 5.263 metros cadrados construídos e no que se investiu preto de 6.000.000 de euros, tamén contará con aulas destinadas á formación tecnolóxica e empresarial e espazos para o encontro e a comunicación entre as persoas que traballan nas empresas do Parque. De feito, aquí trasladarase a sede da Entidade Urbanística de Conservación, que é a asociación de propietarios que xestiona este parque. Como dixemos, a idea do consorcio é ir alén de achegar un acubillo de apoio ás firmas: deberá servir, comentou Pedrosa, de espazo de encontro e socialización para os usuarios do complexo empresarial e tamén para as persoas que viven nas parroquias da contorna.
A Zona Franca de Vigo presenta os espazos para emprendedores do novo edificio de servizos do Parque Tecnolóxico
Compartir Este Artigo
