A aplicación de busca de Google para iPhone e iPad actualízase á súa versión 3.0.0, cambio realmente importante, porque supón a chegada do servizo Google Now a iOS, de xeito que antes de comezar a xornada podemos ter información meteorolóxica e do estado do tráfico, ou ter información actualizada dos nosos equipos deportivos favoritos e as últimas novas a medida que se van desenvolvendo, funcións que ata o momento estaban limitadas a usuarios de Android.
Google Now busca aproveitar a base de coñecemento de Google para facer que os dispositivos móbiles sexan máis intelixentes, ofrecendo ao usuarios a información que precisa en cada momento, suxerindo unha ruta alternativa ao traballo cando hai unha incidencia no estado do tráfico, amosando a predición meteorolóxica á hora na que nos vestimos, lembrándonos que temos que coller un voo… que para poder chegar a iOS optouse pola súa integración na aplicación oficial de busca de Google, que continúa a ser tan práctica como sempre, permitindo responder a preguntas efectuadas tanto a través de texto como a viva voz, polo que pode verse como unha alternativa de peso a Siri, que a moitos niveis (velocidade de resposta, calidade e cantidade da información que manexa…) resulta superior.
Vídeo de presentación de Google Now para iOS
Google Now chega a iPhone e iPad
Compartir Este Artigo

