Un ano máis vén de celebrarse na cidade sueca de Göteborg (do 8 ao 12 de abril) a Conferencia Europea de Antenas e Propagación (EuCAP), un encontro ao que se presentaron máis de mil propostas e no que resultou gañadora unha idea nada en Vigo. Máis polo miúdo, o deseño de antenas para a detección a distancia de armas e explosivos creado polos profesores do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións e membros de AtlantTIC -Antonio García Pino, Óscar Rubiños e o investigador Borja González Valdés- foi nomeado polos expertos participantes neste congreso como Best Antena Design Award, a mellor proposta de deseño de antenas.
Segundo verbas dun dos seus creadores “o artigo premiado presenta un sistema de radar de imaxe na banda de Terahercios, ideado para aplicacións de seguridade, xa que as ondas electromagnéticas destas frecuencias teñen capacidade de penetración nas prendas de vestir e, polo tanto, permiten a detección de armas ou explosivos ocultos baixo a roupa”. Cómpre engadir que o prototipo traballa a 300 GHz e ten outras potenciais aplicacións, por exemplo na industria alimentaria, pola súa capacidade para detectar corpos estraños nas cadeas de procesado, como as de tratamento ou empaquetado de determinados alimentos. Outro aspecto importante é que -segundo os responsables da antena- os niveis de potencia requiridos para esta detección son baixos abondo para non producir ningún efecto nocivo nas persoas… amais de ser un sistema ben discreto, pois emprégase sen que a persoa se decate de que está sendo examinada.
Engadir que estamos perante un dispositivo multirreflector optimizado nas súas superficies para achegar a máxima área de exploración posible a unha distancia de oito metros; o deseño do reflector principal e primeiro subrreflector baséase na tecnoloxía coñecida como Bifocal.
Por último, sinalar que neste traballo participaron tamén tres investigadores da Universidade Politécnica de Madrid -Jesús Grajal, Beatriz Mencía e José Luís Besada- colaboradores co grupo de Antenas da Universidade de Vigo nun proxecto coordinado e financiado polo Plan Nacional de I+D+i.
Unha antena concibida en Vigo faise na EuCAP sueca co premio internacional ao mellor deseño
Compartir Este Artigo
