As compañías que comercializan produtos de software levan moito tempo explorando fórmulas para convertelos en servizos, o que puidemos ver en casos tan destacados coma o do Microsoft Office (que pretende trasladar aos seus usuarios ao servizo Office 365), e que agora chegará á Creative Suite de Adobe, lote de aplicacións que inclúe produtos de referencia como o Photoshop, o InDesign ou o Illustrator, e que dá definitivamente o seu salto á nube, transformándose en Adobe Creative Cloud, converténdose no noso servizo de cabeceira da compañía. Dicimos así adeus aos siglas CS e recibimos como proposta de futuro ás CC.
Dende Adobe defenden este arriscado paso apoiándose na colaboración multi-plataforma, de xeito que os ficheiros de Adobe CC poden estar almacenados na nube para o seu aceso dende OSX, Windows, iOS ou Android, o que fai máis doada a creación de páxinas web, aplicacións móbiles, publicacións para tablets e contido para practicamente calquera medio ou dispositivo.
As fórmulas de comercialización deste novo servizo van dende a subscrición a unha aplicación única por 24,59 euros/mes (con 20 Gb de almacenamento na nube) ata 61,49 euros/mes por todas as aplicacións do lote (de contratarse anualmente, pois en caso contrario custaría 92,24 euros/mes) nos seus prezos para particulares, que poderían combinarse con descontos para actuais usuarios de produtos Adobe CS. Para empresas o prezo sería de 86,09 euros/mes por usuario (incluíndo 100 Gb de almacenamento na nube, soporte técnico especializado e outras facilidades); mentres que estudantes e profesores poderán subscribirse ao Adobe CC por 19,99 euros/mes.
Esta grande actualización a Adobe CC estará dispoñible en xuño (podendo contratarse dende xa para poder obter un desconto) e aínda que os servizos na nube de Adobe non son unha novidade, desta volta trátase da substitución total da familia CS, pondo punto e final a un ciclo de aplicacións de escritorio comercializadas cun modelo de licenzas tradicional, e aínda que vaian continuar os produtos da Creative Suite 6 á venda, non chegaremos a ver unha Creative Suite 7.
Adobe ofrecerá as novas versións do seu software mediante subscrición
Compartir Este Artigo

