
O profesor Enrique Varela, titor deste proxecto, salienta o seu valor polo que ten de atender a unha demanda ben concreta: a de mellorar a atención dos nosos maiores. A iniciativa, di, “responde a unha necesidade social e nós temos a man a tecnoloxía e os coñecementos necesarios para levalas a cabo”. A través dunha investigación precedente, o alumnado concluíu que o envellecemento da poboación galega e a súa distribución xeográfica, unido á crise, fan preciso deseñar programas específicos para garantir unha atención sociosanitaria básica en todo o país. “Puidemos demostrar que para desenvolver tecnoloxías aptas para a vida cotiá non son necesarios grandes coñecementos tecnolóxicos, si lóxicos e de estratexia sobre a contorna e o actores dunha política pública como é a sociosanitaria”, comenta Varela, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
Baixo o lema Si se pode o alumnado da materia Xestión pública e organización de servizos públicos deseñou e creou a aplicación @AppDuls a partires dunha plataforma aberta e gratuíta do MIT para Android. Segundo informan, o único requisito técnico para que esta funcione é dispoñer dun teléfono intelixente con conexión en Internet. “No momento no que a persoa precisase axuda, debería tocar na icona da ferramenta dende o seu smartphone e, nun intre, unha rede de voluntarios e voluntarias localizaríaa e acudiría na súa axuda”, engaden. Asemade, como complemento á creación desta ferramenta, o alumnado deseñou e habilitou unha estratexia de comunicación para medios convencionais e tamén para as redes sociais.
O alumnado do campus de Pontevedra crea unha ferramenta Android para atender aos nosos maiores do rural
Compartir Este Artigo

