O Centro de Excelencia de Vigo celebra este martes 21 de maio un encontro de especial importancia para emprendedores e moi indicado para despexarmos dúbidas no que se refire a procurar axudas e investimentos para pór en marcha unha iniciativa innovadora de mercado. A Xornada Tes un proxecto innovador e buscas financiamento? desenvolverase nas instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo e dará comezo arredor das 9.00 horas, contando coa presenza de Teresa Pedrosa e José Carlos García, delegada do Estado e coordinador tecnolóxico do Consorcio da Zona Franca de Vigo, respectivamente. Xuntos abrirán a xeira de traballo, para logo dar paso a un relatorio sobre axudas autonómicas no camiño da realización de proxectos de innovación, a cargo de Antonio Rodríguez, xefe de División de Xestión da Innovación da Axencia Galega de Innovación.
A continuación será a quenda de Miguel Ángel García, coordinador da Rede PI+D+i. (CDTI), quen amosará as axudas nacionais do centro que representa. Pola súa parte, un representante da Oficina de Programas Internacionales de I+D+i exporá as portas europeas nas que petar no caso de procurarmos financiamento a nivel europeo.
A xornada do Centro de Excelencia de Vigo diríxese, en palabras do Centro, a axudar ás PEME no camiño da obtención de financiamento, un camiño cheo de atrancos nesta época de crise. Para facilitar este proceso, o Centro vigués, dentro do seu posicionamento de apoiar o proceso innovador das empresas da súa contorna, organiza esta xornada dando voz aos verdadeiros protagonistas do proceso de financiamento público da I+D+i, entidades e empresas, que deben aproveitar esta xornada para coñecer e afondar na procura de melloras e oportunidades para financiar o seu proceso de innovación.
O encontro tamén contará coa presenza de José Manuel Ortigueira Bobillo, director de Investimentos de Xesgalicia e Juan Güell Cancela, investidor de Redinvest, Rede de Business Angels do Círculo de Empresarios de de Galicia. A participación na xornada é totalmente gratuíta.
Os vieiros para atoparmos financiamento en proxectos innovadores, ao detalle este martes da man do Centro de Excelencia de Vigo
Compartir Este Artigo
