Tras un período en probas de tres meses o navegador web Opera estrea versión final para móbiles Android, procurando achegar un acceso aos contidos da Internet dun xeito máis doado e veloz que outros navegadores. Esta aplicación está dispoñible de balde en Google Play, goza dunha interface redeseñada cunhas cores máis luminosas e buscando un uso máis intuitivo e presume dunha funcionalidade de descubrimento de contidos, pois cun simple xesto facilita o acceso a novas de interese das categorías que o usuario decida. Esta prestación busca axudar a saír do círculo de páxinas web que o usuario tende a visitar habitualmente, convidándoo a consultar contidos novos e interesantes.
O navegador tamén permite a compresión de xeito que reduce o tráfico de datos a través do móbil cando naveguemos pola web dende Opera, o que ten unha dobre utilidade: aforro en cotas de acceso (pensando en tarifas que cobran o exceso de tráfico) e cargas máis rápidas.
Entre as funcionalidades de Opera tamén temo un sistema de zoom intelixente que fai que non teñamos que desprazarnos horizontalmente polas páxinas web para poder ler o texto, fai doado moverse entre varias páxinas web que teñamos abertas á vez (distribuídas en lapelas) e incluso permite conmutar a barra de navegación de arriba a abaixo.
Temos así unha boa aplicación que pretende converterse na grande alternativa ao Chrome de Google (co que comparte o motor WebKit).
Vídeo de presentación do novo Opera para Android
Opera para Android estrea versión oficial
Compartir Este Artigo

