
En virtude desta repercusión e deste interese xerado, circunstancia á que cómpre engadir o escaso material dispoñible en galego sobre RaspberryPi, dende a asociación GALPon decidiron que sería de utilidade dispor dunha pequena guía en galego sobre como traballar coa dita placa, agrupando nunha mesma páxina wiki unha serie de dúbidas e ofrecendo unha solución conxunta. Segundo contan dende o colectivo e reflicte Mancomún, esta liña de traballo xerou a publicación dun manual de referencia das actividades realizadas na xornada, cunha licenza GFDL. Segundo se expón, “seguindo o habitual criterio do autor do mesmo, este manual é perfectamente comprensible polos usuarios noveis, as ordes están ben desbrozadas para que non haxa dúbidas ao respecto. Así mesmo a súa aplicación segue o principio de só Software Libre polo que todo o traballo está orientado a traballar sempre cun S.O. GNU/Linux”.
O manual abrangue o seguinte:
- Creación dunha tarxeta básica de sistema con Raspbian
- Transferindo o S.O. a un USB
- Reciclando unha vella tarxeta SD de 1 GB
- Instalación dun NAS con OpenMediaVault
- Traballando con múltiples discos e UUID
- Dispositivo externo de almacenamento
- Servidor FTP
- Cliente Torrent con almacenamento nun dispositivo externo
- Caso práctico complexo
