Google está a renovar as súas aplicacións de mapas, e dende hoxe mesmo a aplicación de Google Maps para Android actualízase (a versión para iOS fará o mesmo en breve) ofrecendo unha nova experiencia de uso que facilita a exploración do mundo e a localización de lugares de interese dun xeito sinxelo e rápido. A aplicación presenta un novo deseño para teléfonos e tablets con Android e mellora a navegación con modificación dinámica de rutas, informes de incidentes e información de tráfico en directo.
Dende a sección de Explorar a nova aplicación permite atopar locais incluso sen ter que escribir ningunha busca, valéndonos de varias cartas informativas que axilizan a localización de establecementos nos que poder comer, mercar ou durmir, dos que tamén poderemos saber a opinións e puntuación que lles outorgaran os nosos amigos.
Adeus a Google Latitude
A ferramenta tamén está a experimentar unha grande optimización para tablets e entre os seus grandes cambios está a eliminación das opcións de Latitude, pois tal servizo vai cesar de ofrecerse o 9 de agosto, pasando a ser substituído por Google+, plataforma que tamén permite compartir a ubicación cos nosos amigos e facer check-in en locais.
O cesamento de Google Latitude suporá a desaparición da listaxe de amigos que poden ver a nosa posición a través do servizo, a retirada da aplicación de Latitude para iPhone da App Store e o peche do acceso á API de Latitude por parte de aplicacións de terceiros (polo que algunha ferramenta poderían experimentar problemas dentro dun mes).

