A Universidade da Coruña vén de facer reconto dos proxectos xurdidos e desenvolvidos no seu seo que acadaron fondos do programa FEDER-Innterconecta. Trátase, informa, dun total de vinte (entre os que se contan os seis do CITIC dos que falamos a primeira hora da mañá). En total, falamos dun valor de máis de tres millóns de euros para desenvolver as devanditas iniciativas de transferencia de tecnoloxía. Segundo engade a UDC, á convocatoria do Centro para el Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, co-financiado pola Axencia Galega de Innovación, presentáronse un total de 79 propostas para materializar proxectos de I+D de alto impacto para o que era preciso concorrer baixo a forma de consorcio entre empresas e centros de investigación.
Os vinte proxectos da Universidade da Coruña financiados céntranse en sectores estratéxicos como o ámbito da construción civil, no que participan investigadores da ETS de Camiños, Canais e Portos e o CITEEC; o sector da enxeñaría industrial e naval, con investigadores da Escola Politécnica Superior, da Escola Universitaria Politécnica e o CIT de Ferrol; da área das tecnoloxías da información e as comunicacións, coa implicación de investigadores da Facultade de Informática e do CITIC; así como do ámbito de ciencias, coa participación de investigadores da Facultade de Ciencias.
“Os retos tecnolóxicos que se cobren con estes proxectos son moi variados”, explica a UDC, e engade: “no ámbito naval propóñense innovacións mediante a construción de buques e outras estruturas off shore que incorporen melloras e aumento de novas tecnoloxías, como láser ou TIC; estas melloras inclúen tanto os procesos produtivos, conformado térmico automático, por exemplo, como o desenvolvemento de novos produtos para a industria auxiliar do naval”.
No ámbito da construción civil, búscase promover a construción sustentable mediante a valorización de refugallos e subprodutos, como por exemplo, os residuos xerados pola industria papeleira ou as cunchas dos bivalvos, para a súa reutilización en formigóns ou firmes de estrada, promover novos sistemas construtivos máis eficientes para contención de terras ou desenvolver novos produtos innovadores para lograr melloras nos sistemas de saneamento urbano.
Os proxectos vinculados coas tecnoloxías da información e as comunicacións inclúen achegas en saúde, como a mellora das comunicacións médico e doente ou a tele medicina, mellora de procesos de aprendizaxe utilizando tecnoloxías propias de xogos, en xestión de persoal para a formación de equipos eficientes ou a mellora mediante TIC de procesos industriais.
A UDC fai reconto dos proxectos que obtiveron fondos de FEDER-Innterconecta: un total de 20
Compartir Este Artigo
