Apple publicou os seus resultados financeiros para o terceiro trimestre fiscal (que remata o 29 de xuño) rexistrando uns ingresos de 35.323 millóns de dólares e uns beneficios netos de 6.900 millóns (o que supón 7,47 dólares por acción) o que supón unha lixeira caída con respecto ao mesmo período do ano pasado, aínda que sendo uns resultados mellores dos que moitos agardaban, pois actualmente hai certo pesimismo no sector ao detectarse que o crecemento de vendas que vivimos nos últimos anos non pode manterse.
Se analizamos os produtos vendidos por Apple (a súa principal fonte de ingresos) temos que no trimestre analizado venderon 31,2 millóns de smartphones, 14,6 millóns de tablets, 3,74 millóns de ordenadores e 4,6 millóns de reprodutores multimedia, cantidades que no caso do iPhone supoñen un incremento interanual do 20%, pero que no resto dos casos responden a unha caída das vendas dun 14, 7 e 32% respectivamente.
Temos así que Apple continúa a ter no iPhone a súa forza, pero o iPad teríao máis difícil para manter as vendas, tanto pola forte competencia dos tablets con Android como pola reducida taxa deste tipo de produtos (que os usuarios non tenden a renovar cada 2 anos como acontece cos iPhone, o que fai que a súa demanda non medre constantemente). A caída de vendas dos Mac sería semellante á que viven os ordenadores doutros fabricantes, polo que non sería preocupante, pero a caída dos iPod si é moi pronunciada, dando a entender que estes dispositivos que foron os detonadores da explosión de Apple no mercado de consumo nos últimos anos están en perigo de extinción, en boa medida por verse substituídos polos smartphones para a reprodución musical.
Apple mantén os seus bos resultados económicos, aínda que cae a demanda de boa parte dos seus produtos
Compartir Este Artigo
