Parallels, a compañía popular pola súa solución de virtualización que facilita o uso de aplicacións de Windows dentro de OS X, estea Parallels Access, unha nova ferramenta para iPad que pode descargarse de balde e que facilita o acceso a un servizo que consegue adaptar aplicacións de Mac e Windows de xeito que se compartan como unha aplicación nativa para iPad, o que podemos entender como unha evolución das aplicacións de control remoto, que resultaría extraordinariamente atractiva se non fose porque para o seu uso é preciso pagar unha subscrición anual de 69,99 euros (inclúe un período de proba de 14 días), o que pode botar para atrás a moitos usuarios (que poden optar directamente por subscribir, por exemplo, o servizo Office 365, que xa ten aplicación para iOS).
Parallels Access precisa de instalar unha aplicación de escritorio no noso PC (con Windows 7/8) ou Mac (con OS X 10.7 ou superior), mentres que no tablet funcionaría nun iPad 2 ou superior e mesmo nun iPad mini. Esta solución facilita iniciar calquera aplicación do ordenador como se fose unha aplicación de iPad mediante un lanzador de aplicacións; permite saltar entre aplicacións dun xeito áxil e doado; conserva o sistema de selección de textos e gráficos propio de iOS (permitindo incluso copiar e pegar entre aplicacións de escritorio e nativas); pode facer uso da función de lupa para un control máis preciso; admite os xestos táctiles do iPad; e permite empregar o teclado virtual do iPad nas aplicacións de escritorio. Estariamos ante o mellor xeito de acceder ás aplicacións de escritorio dende o tablet, tendo como principal atranco o prezo do servizo.
Parallels Access permite acceder comodamente ás aplicacións do ordenador dende o iPad
Compartir Este Artigo

