Esta semana puidemos saber dunha iniciativa, o proxecto Dark Energy Survey, destinado a realizar unha cartografía completa do hemisferio sur e botando máis das máis innovadoras tecnoloxías de rexistro para achegar o máximo detalle. En concreto, botarase man da cámara de enerxía escura DECam, que segundo informan os responsables do proxecto é o instrumento máis poderoso feito para un labor de cartografado como o devandito. De feito, para facernos unha idea do que achega, é quen de ver a luz de máis de 100.000 galaxias a ata 8 mil millóns de anos luz de distancia. Tirando partido desta cámara dixital agárdase atopar respostas ao aceleramento do universo, entre outras cuestións sen resolver. Dark Energy Survey (en galego Cartografado para a Enerxía Escura) está arestora en activo, rexistrando de xeito sistemático unha oitava parte do firmamento (5.000 graos cadrados).
Ás súas costas, a iniciativa deixa un ronsel de dez anos de traballo intensivo, entre labores de planificación, construción e posta a punto, tarefas desenvolvidas por científicos de 25 institucións de seis países, incluída España. Calcúlase que o cartografado obterá imaxes en cor de 300 millóns de galaxias e 100.000 cúmulos de galaxias e, á súa vez, descubrirá aproximadamente 4.000 novas supernovas.

A construción desta cámara é o resultado dunha colaboración internacional, na cal tiveron un papel moi salientable o CIEMAT, coa contribución da UAM, en Madrid, e o ICE (CSIC/IEEC) e o IFAE, en Barcelona. Segundo informa o centro estatal de investigacións enerxéticas, este consorcio español xogou un papel decisivo na construción e posta en funcionamento de DECam, “deseñando, construíndo e verificando a electrónica de alta velocidade que realiza a lectura e control dos detectores CCD da cámara”. Ademais desenvolveu e integrou o software que permite que o telescopio apunte con precisión e produciu simulacións informáticas da estrutura a gran escala do universo, que permiten desenvolver e probar os métodos de análise científica e interpretar as observacións.
O CIEMAT traballa nun proxecto mundial para o cartografado en detalle do ceo do hemisferio sur
Compartir Este Artigo
