O mundo vai camiño de estar presente nos nosos móbiles a través de múltiples aplicacións. En certa maneira, é como levar canda nós unha enciclopedia integral sobre o coñecemento da nosa contorna, coa vantaxe para a nosa columna vertebral de que non hai que carretala. Neste camiño de cousa útil que a golpe de móbil nos pode axudar a pórlle remedio a unha doenza ou un trastorno é onde se sitúa unha app que se presentou esta semana da man do Centro de Investigación sobre Fitoterapia (INFITO), e que se dirixe a achegar coñecemento completo sobre as plantas medicinas de dispensación farmacéutica. A ferramenta chámase ABC das plantas e trátase moi probablemente da primeira aplicación para móbiles sobre esta temática en concreto. É de balde e está dispoñible en Google Play.
Nela acubíllase unha escolma de plantas medicinais útiles para problemas de saúde que se agrupan en diferentes bloques: control de peso, circulación, cansazo, nerviosismo ou alteracións do soño, benestar da muller, aparello urinario, saúde do corazón, pel e beleza, dixestión, aparello respiratorio, articulacións, sistema inmunitario e antioxidantes. En cada un destes bloques temos unha listaxe daqueles preparados farmacéuticos de orixe natural que poden axudar a combater ou previr diferentes patoloxías. Segundo explica Concha Navarro, catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Granada e presidenta de INFITO, trátase de preparados de plantas que se dispensan nas farmacias catalogadas como medicamentos, “o que garante a súa calidade, eficacia e seguridade, xa que pasaron os debidos controis sanitarios e conteñen un prospecto que leva indicada a cantidade de principio activo, así como as indicacións e posoloxía axeitada para cada caso”.
A aplicación contén un total de 86 plantas, as máis utilizadas e que maior evidencia científica demostraron no tratamento ou prevención de diferentes patoloxías, como por exemplo a echinácea ou o propóleo para os arrefriados, a valeriana ou pasiflora para combater o insomnio ou o glucomanano para o sobrepeso. Segundo a presidenta de INFITO, estamos ante unha ferramenta de gran utilidade “tanto para o doente como para o farmacéutico, xa que nela van atopar a descrición, indicacións e recomendacións de emprego de cada planta e as máis recomendadas para cada patoloxía de maneira clara e sinxela”.
Dispoñible para Android unha app coas plantas medicinais de meirande efectividade
Compartir Este Artigo

