O cuarto relatorio das Xornadas de Informática Xudicial que organiza o CPETIG o día 25 en Santiago representa en boa medida a gran novidade do programa, un dos seus pratos fortes. En parte pola súa implicación (falarase da loita contra as accións criminais ao abeiro das TI levadas a cabo no ámbito internacional) e en parte porque as cuestións a tratar serán abordadas por un gran especialista na materia. E tanto que é así, xa que se trata do galego Manuel Álvarez Sobredo, responsable de implantación do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), entidade integrada na Europol que centraliza dende Holanda a loita contra este tipo de delitos no ámbito da Unión Europea. O seu relatorio desenvolverase baixo o seguinte epígrafe: O rápido desenvolvemento da delincuencia no ciberespazo na UE e o papel do Centro Europeo de Ciberdelincuencia (EC3) para mitigar este problema.
Álvarez Sobredo, é como dixemos un experto en actividades criminais ligadas ás redes (a través das redes, contra as redes) e ten feito e publicado investigacións diversas sobre estas prácticas e os xeitos de combatelas. Foi dende maio de 2005 xefe de Recursos Humanos de Europol e dende setembro de 2012, responsable do equipo de implementación do EC3. Lembrar que este centro entrou en funcionamento este mesmo ano, co fin de contribuír a protexer ás empresas e aos cidadáns europeos fronte á ciberdelincuencia e garantir unha Internet libre, aberta e segura. Entre as súas principais liñas de investigación e actividade figuran os fraudes en liña, os abusos de menores levados a cabo a través das redes e outros delitos informáticos que afectan con frecuencia a centos de vítimas de xeito simultáneo e implican a sospeitosos en diversas partes do mundo. O centro, polo tanto, ten vontade de chegar a onde sería difícil chegar sen o un alicerce internacional firme. De feito, moi poucas operacións contra este tipo de delincuencia se poden levar a bo termo coa única participación dos efectivos das policías nacionais. A estratexia do EC3 céntrase nas actividades ilegais en liña das bandas de delincuencia organizada, especialmente nos ataques dirixidos contra as operacións bancarias e outras actividades financeiras en liña, a explotación sexual infantil en liña e os delitos que afecten as infraestruturas críticas e aos sistemas de información na UE.
A actividade co Centro Europeo contra o Cibercrime, polo miúdo nas Xornadas de Informática Xudicial deste venres
Compartir Este Artigo
