Os usuarios de dispositivos da familia Nexus (a partires do Nexus S), de Samsung Galaxy S (a partires do S II), de Galaxy Note ou de HTC One teranos dende agora máis doado para poder empregar a ROM alternativa máis popular do mercado, a CyanogenMod, pois vén de estrear un instalador en Google Play que cun simple clic permite obter a última versión de CyanogenMod para os dispositivos compatibles (que espérase que vaian medrando paulatinamente). Para completar a instalación de CyanogenMod nos dispositivos compatibles é preciso contar ordenador con Windows Vista ou superior, no que ter instalada unha aplicación cliente (estase a traballar para facer unha versión desta ferramenta para OS X).
A popularidade de CyanogenMod vén principalmente por ser unha versión de Android sen as capas de personalización que inclúen os fabricantes (como o TouchWiz de Samsung ou o Sense de HTC), o que normalmente consegue un mellor desempeño dos terminais, á vez que tamén facilita a realización de numerosos axustes que habitualmente están ausentes nas distribucións oficiais de Android (adaptándose mellor ás demandas dos usuarios máis esixentes ou que buscan unha experiencia de uso máis adaptada aos seus gustos e necesidades).
Unha aplicación facilita a instalación de CyanogenMod en dispositivos con Android
Compartir Este Artigo

